Sunday 28 de April de 2024

Un grupo de mozas e mozos poñen en valor a etnografía dunha aldea de Ponteceso nun Campo de Voluntariado da Xunta


Os participantes nesta acción investigan e sinalizan elementos etnográficos e recompilan patrimonio oral, entre outras actividades

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compartiu parte da xornada de hoxe cun grupo de mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Alí, Xaz. Trátase dunha actividade de temática medioambiental e etnográfica que forma parte da Campaña de Verán da Xunta de Galicia.
Esta iniciativa, que comezou o día 27 de agosto, prolongarase ata o vindeiro luns, día 7 de setembro e é un dos últimos campos de voluntariado desta tempada de verán.
Desenvólvese principalmente na aldea do Couto, en Ponteceso e, así mesmo, estes rapazas e rapaces implícanse nas programacións da Fundación Eduardo Pondal e da Asociación Cultural Monte Branco.
Durante esta experiencia, os participantes teñen a ocasión de investigar e sinalar elementos etnográficos da vila do Couto e de recompilar patrimonio oral, para facer despois un traballo de difusión de toda a información recollida neste eido.
Este campo de voluntariado inclúe tamén un programa complementario con obradoiros de relaxación e de instrumentos musicais; rutas pola Costa da Morte, visitas á fervenza do Ézaro, ao castelo de Vimianzo, Muxía, Carnota, Laxe ou Santiago de Compostela; ademais de actividades deportivas.
A Consellería de Política Social oferta neste verán 348 prazas nun total de 29 campos de voluntariado (incluíndo as tres quendas de Cíes) para maiores de 18 anos por todo o territorio galego. Todas as actividades desta campaña seguen as medidas de prevención fronte ao covid-19 fixadas polas autoridades sanitarias co fin de garantir a seguridade de todas as persoas participantes.
En total, a Campaña de Verán deste ano, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que se prolongarán ata comezos do mes de setembro.